Nova exposición no Gato Cósmico: "La finca", Jesús Madriñán (do 22 de Marzo ó 22 de Xullo)



Como cada cambio de estación, a tenda/galería O Gato Cósmico 
(c/Concepción Arenal nº1 Local 4, Santiago de Compostela) 
muda o seu aspecto e acolle unha nova exposición. 


Desta vez, será a serie fotográfica La Finca do artista galego Jesús Madriñán, a encargada de vestir de primavera as paredes deste orixinal espazo.



Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e graduado en Fotografía pola Central Saint Martins, Jesús Madriñán traballa en series xurdidas das súas propias vivencias, converténdoas en reflexións que necesita expresar. A medio camiño entre a fotografía documental e a fotografía narrativa, Madriñán móvese como un verdadeiro equilibrista, seguindo a liña que separa o documento da ficción e que estira e afrouxa, modelándoa e reinventándoa, conferíndolle ó real un halo de artificialidade para presentar un mundo teatralizado no que os seus habitantes semellan ser actores habitando unha escena.


La finca é o canto do cisne dunha etapa, unha homenaxe e un esconxuro. Unha paraxe mítica e entrañable, inquietante e nostálxica, á que regresar para atoparse de novo coas versións pasadas dun mesmo e dos seus seres queridos. Imaxes contraditoriamente inmóbiles para
inmortalizar ó pasaxeiro, cunha beleza que reside na intuición dos instantes felices que as inspiraron. Unha despedida emocionada e agradecida onde, a pesares de todo, a esperanza late dentro de fráxiles cascas pintadas.


O traballo de Jesús Madriñán ten sido recoñecido en numerosas ocasións, destacando, entre outros, os seguintes galardóns: Premio nos International Photography Awards de Nova York, Premio eCREA do Festival Internacional de Artes Visuales EMERGENT, Premio Laszlo Foundation da Royal Society of Portrait Painters (UK) e Premio Plat(t)form do Photomuseum Winterthur de Suiza.
Para saber máis sobre este artista, visita a súa web.

Tamén recomendámosche o blog do Gato.


No hay comentarios:

Publicar un comentario